14 feb. 2014

O hórreo: patrimonio arquitectónico


A Universidade da Coruña acaba de publicar o libro O hórreo: patrimonio arquitectónico. A visión actual do hórreo sitúa este no campo do Patrimonio, desde a declaración de todos os hórreos galegos con máis de cen anos de antigüidade como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta valoración, que afecta á protección de milleiros de exemplares, precisa unha normativa construtiva para as restauracións de hórreos que se están a realizar. 

Os traballos de investigación recollidos neste libro inciden na realidade dos hórreos como construcións arquitectónicas de obrigada conservación, completando o panorama de textos existentes sobre a súa valoración etnográfica, antropolóxica ou xeográfica. A actualización dos estudos sobre os hórreos faise mediante catro enfoques diferentes, acometidos por outros tantos investigadores do grupo universitario GICAP (Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio), adscrito ao Departamento de Composición da Universidade da Coruña.